Museo Valle-Inclán

O Museo

Museo Valle-Inclán

HISTORIA

A orixe de tan exquisita arquitectura pregoa a prosperidade do Caramiñal no século XVI, lugar entón elevado á categoría de vila. Entre as individualidades máis ambiciosas daquel tecido humano do Cincocentos sobresaen os nomes de Juan Domínguez Giance e Constanza Domínguez de Búa, matrimonio de ampla fortuna. Son os promotores deste edificio. Co devalar dos tempos, esta torre e casa principal do Caramiñal foi predio fidalgo da estirpe paterna do escritor Valle-Inclán. Primeiro, tomada en foro nos anos finais do século XVIII. Logo, adquirida como consecuencia das leis de desamortización a mediados do século XIX. Don Ramón del Valle-Inclán Peña profesaría un gran cariño a esta herdanza familiar. Á torre alude con emoción, na prensa ou en parladoiros coloquiais, e tamén figura en relatos de inspiración galega como un escenario significativo de clase e señorío. Aquí declara ter residido tras regresar da súa primeira viaxe ás Américas —1893—. «Mi casa de las Torres de Bermúdez. La casa más bonita de Galicia, muy siglo XVI, muy genuina arquitectónicamente, con unas gárgolas hermosas. Toda de estilo renacimiento». RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN, 1922. Polo Real decreto 249/1976, de 9 de xaneiro, esta fermosísima xoia sería declarada «monumento histórico-artístico de carácter nacional». Despois da súa restauración, serve de sede permanente dunha importante colección patrimonial, especializada no campo literario, pioneira no país, o Museo Valle-Inclán, inaugurado no día 16 de maio de 1987.

Museo Valle-Inclán

ARTE

Estamos ante unha residencia civil de elegante ornamento clásico, que debemos situar entre as máis excepcionais que se teñan documentado na historia da arte do noroeste peninsular. Construída entre 1540-1545, a súa traza ponse en relación co círculo de colaboradores do grande arquitecto do Renacemento español Rodrigo Gil de Hontañón. Componse de torre elegante e corpo pacego, disposto perpendicularmente, ademais dos restos dun suntuoso corredor exterior. Das súas portadas merece ser posta de relevo a principal, que é un arco de medio punto enmarcado por pilastras, con entabulamento e frontón triangular. Sobre a mesiña da escalinata ábrese unha segunda porta, con arco de medio punto moldurado e clave. Observámo-lo mesmo clasicismo na elegante ornamentación que lle dá valor engadido —como monumento único—, versada nos tratados de arquitectura e nos gravados de moda. O estilo plateresco concéntrase na decoración de determinados elementos estruturais e decorativos, como son portais, xanelas, soportes, frisos, cornixas, gárgolas... convivindo as supervivencias tardogóticas e as vangardas «á romana». Na mesma liña, o sistema de proporcións e xogos de xeometrías de todo o edificado é moi claro.